top of page
  • Instagram
  • TikTok
  • Facebook
  • YouTube
  • Vimeo

“A danza contemporánea fixo que me sinta máis a gusto co meu corpo”

Sep 2
2 min read

A peza de danza contemporánea “Cicatriz” foi seleccionada polo Festival Internacional de Bos Aires. Co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, da Xunta de Galicia, representará dúas funcións, o 19 e o 20 deste mes. A peza está inspirada no poemario do mesmo título, escrito polo vigués Antón Reixa, 500 versos que comezan cada un deles por “Quero”, e conta coa dirección da coreógrafa Kirenia Martínez Acosta. Ademais de ser autor do texto adaptado e de poñer voz en off ao proxecto, Reixa tamén sobe ao escenario como intérprete de danza contemporánea. Comezou a practicar esta disciplina para a obra aos 68 anos e cunha discapacidade física do 65 % por mor dun accidente de tráfico.

“Recoméndolle a todo o mundo que, como exercicio físico, practique danza contemporánea. Eu son incapaz de ir a un ximnasio, pero si ensaio cada día. A través dela conseguín un maior coñecemento do meu corpo. Sempre a vinculei con números acrobáticos, pero o movemento está máis relacionado coa xestualidade e coas emocións que provocan a música e os versos”. O autor recoñece que vivía completamente alleo a esta disciplina, pero que, tras contactar con Kirenia, por incluír dous poemas seus no seu anterior espectáculo e escoller “Cicatriz” para unha nova montaxe, levou unha sorpresa. “Eu contaba con que a miña colaboración consistía en saír recitar ao escenario, pero Kirenia propuxo que fose eu quen bailase, mentres se emitía a miña voz en off, algo inimaxinable para alguén que sempre tivo unha deficiencia en educación física; no colexio sempre libraba por asmático”.

A peza estreouse en 2025 e desde entón xa se representou en distintas localidades de Galicia, Huesca e Alemaña. En 2027 xa ten programada Valencia. “Coas funcións vou gañando seguridade no escenario, é un proceso moi intenso e sorprendente. Para cada ensaio, Kirenia prepara uns estiramentos distintos e desde que practico danza contemporánea estou máis a gusto co meu corpo”, recoñece Reixa, quen, a nivel artístico, tamén está satisfeito coa percepción que ten a obra entre o público. “É unha peza de carácter inclusivo, contra o idadismo”, indica.

 
 
bottom of page