Antón Reixa presentará ‘Cicatriz’ en Bos Aires

O espectáculo de danza contemporánea ‘Cicatriz’ baseado no poemario do mesmo nome de Antón Reixa e que reúne sobre o escenario ao propio escritor coa coreógrafa e bailarina galego-cubana Kirenia M. Acosta viaxará este mes de setembro a Arxentina. A peza, coproducida por Artestudio e o Centro Coreográfico Galego resultou seleccionada para a súa participación dentro do Festival Internacional de Buenos Aires (FIBA) con dúas funcións os vindeiro 19 e 20 de setembro no Teatro San Martín da cidade arxentina.
Con dirección e coreografía de Kirenia M. Acosta, 'Cicatriz' parte do poema homónimo de Reixa, unha obra de trescentos versos que comezan coa palabra "quero", nos que o autor explora o desexo e a súa influencia na vida das persoas como panca para accionar a reflexión e o empoderamento ante os prexuízos e discriminacións por razón de idade. A peza destaca pola súa natureza híbrida, combinando danza, teatro, performance, poesía, instalación e música, coa intención de ampliar os límites tradicionais destas disciplinas para ofrecerlle ao público unha experiencia única e inmersiva. No marco do festival bonaerense terá tamén lugar a presentación do libro de poemas publicado pola Editorial Elvira en galego, castelán e inglés.

