«Cicatriz», de Kirenia Martínez Acosta e Antón Reixa, chega ao FIBA de Bos Aires

A peza de danza contemporánea «Cicatriz», dirixida e coreografiada por Kirenia Martínez Acosta e interpretada pola propia artista xunto a Antón Reixa, foi seleccionada para participar no Festival Internacional de Bos Aires (FIBA). A obra presentarase os días 19 e 20 de setembro na Sala Cunill Cabanellas do Teatro San Martín. É a única produción española presente no festival, que conta con varias coproducións con España.
«Cicatriz» xorde da colaboración entre Martínez Acosta e Reixa e parte dos versos do libro homónimo do escritor e artista galego: arredor de 700 versos que comezan coa palabra «quero». A repetición articula unha reflexión escénica sobre o desexo e o «desexo do desexo». A música corre a cargo de Bruno Baw e Marcos Payno, coas voces de Antela Cid e Álex Sande.
A obra destaca ademais polo seu carácter inclusivo. Reixa participa como intérprete en escena, incorporando a súa experiencia como cantante e performer a unha linguaxe de danza contemporánea. A súa presenza, con 68 anos na estrea e unha discapacidade física derivada dun accidente de tráfico en 2016, introduce tamén unha reflexión sobre a idade, o idadismo e a diversidade funcional nas artes escénicas.
«Para min, en principio, produce unha sorpresa enorme, pero convénceme porque, ao darlle a Cicatriz o carácter dunha peza inclusiva, éo por dúas razóns. Por unha banda, porque un tipo coma min, con case 70 anos, comeza a bailar, e é unha experiencia moi integradora. Pero tamén é inclusiva no ámbito da discapacidade, porque teño unha discapacidade oficialmente recoñecida do 65 %», afirma o artista.
Reixa asegura que a danza contemporánea é un territorio no que se atopa moi cómodo. «A danza contemporánea presentábame certo hermetismo porque non acababa de entrar nos seus códigos. Grazas á integración do meu texto e á percepción que vou observando no público ante ese texto, vou adquirindo tamén a convicción de que a danza contemporánea é emoción. É curioso porque, se se quere reflexionar sobre iso do que tanto se fala esta semana de ‘farmear aura’, dalgún xeito vén ser unha forma elemental de danza contemporánea», explica.
O libro «Cicatriz», tamén no FIBA
A participación no festival arxentino terá unha dimensión literaria coa presentación do libro «Cicatriz», publicado por Editorial Elvira. O volume reúne o texto orixinal en galego, as súas traducións ao castelán e ao inglés, fotografías do espectáculo e ligazóns a información complementaria.
Estreada en marzo de 2025 en Santiago de Compostela, «Cicatriz» percorreu distintos escenarios de Galicia e España e iniciou tamén a súa traxectoria internacional. Tras o seu paso por Alemaña e Bos Aires, a peza continuará o seu percorrido con novas funcións en España: en decembro de 2026, no Teatro Rosalía da Coruña, dentro do ciclo TRC Danza, e a comezos de 2027, en Valencia, dentro do Festival Vociferio.

