A compañía Kirenia Danza presenta EMIGRANTAS, a primeira entrega no 2020 da súa triloxía coreográfica Os vulnerables. Esta tríade de producións enfócase no impacto da pandemia da COVID-19 nas persoas migrantes e na súa rede de afectos. A compañía demostrou o seu compromiso con este tema ao longo de dúas producións posteriores: Primeiro a vida! no 2021, e AFECTOS no 2023 que abordaron a necesidade de un cambio no modelo actual de xestión das crises sociais. Emigrantas é unha peza de danza sobre a última diáspora galega con perspectiva de xénero.
Dúas intérpretes en escena viven unha experiencia central na súa xeración: a emigración e o retorno da última diáspora, distintas das anteriores pero mantendo o pasado na memoria.
A última onda migratoria, devedora da crise, é multipolar e multicausal. Na pasada década 47.105 persoas entre os 20 e os 39 anos abandonaron Galicia na busca de contextos laborais máis favorables. A nosa pirámide de poboación empeorou, e o problema demográfico está no centro da axenda política galega. Hai unha necesidade urxente de modificar o discurso clásico das migracións, válido para entender os éxodos transoceánicos de principios do século XX pero non os actuais.
Un grupo de mulleres creamos Emigrantas, unha peza de danza para bailar datos, estatísticas, vivencias, intuicións e posibilidades; pezas coas que tecer un ensaio bailado sobre a actual diáspora galega en compañía doutras comunidades de emigrantas, dentro e fóra da Galicia interterritorial.
O motor destas Emigrantas é pensar a presente onda migratoria presente en complicidade con comunidades galegas no exterior e outras emigrantas en Galicia, para así construir unha peza que nos leve xuntas diante do presente fenómeno migratorio.
Cando:
Venres, 26 de abril de 2024
Lugar: Auditorio Municipal do Concello - PRAZA REI 1
Horario: 20:00 h
Prezo: 5 €