Aplausos para Antón Reixa e Kirenia M. Acosta en Galicia Escena PRO
- Jun 4, 2025
- 2 min read

Máis dun cento de persoas aplaudiron onte a Kirenia M. Acosta e Antón Reixa na Igrexa da Universidade tras representar Cicatriz, peza de danza coproducida polo Centro Coreográfico Galego, estreada onte en Santiago.
Reixa e a poesía
A peza, con escenografía de Suso Mareque, iluminación de Daniel Rodríguez e Violeta Martínez, son de Bruno Baw e Marcos Payno, música de Bruno Baw e Alejandro Sande, e as voces de Antela Cid e Uxío Novo, orbita arredor de textos poéticos do propio Reixa. A produción corre a cargo de Uxío Novo e Fany Vázquez.
Coloquio na última xornada
Esta proposta de danza de Kirenia M. Acosta e Antón Reixa forma parte da feira Galicia Escena PRO, que esta semana reúne en Santiago a 220 profesionais arredor dunha programación aberta desde o pasado luns, na que se mesturan espectáculos para persoas acreditadas e funcións abertas ao público. Antes deste espectáculo tamén foron ovacionados no mesmo espazo Jessica Castellón e Boris Orihuela con Cuentas corrientes.
Este xoves (11:00 h.), nese escenario da USC, actúa a compañía Redrum Teatro con Os contos do Lobicán; Paula Quintas Cía., no Salón Teatro (16:30 h.), con Aurora Boreal; Talía Teatro no Teatro Principal con Un deus salvaxe (18:00 h.); e Loia Producións con María Visitación Consolación Amadora (Auditorio Abanca, 12:00 h.). Ademais, ás 13:30 h. haberá un coloquio no Museo das Peregrinacións con Miguel Ángel Barreales, programador do Teatro El Albéitar (León); Pol Gil, director executivo da Mostra Igualada–Fira d’espectacles infantils i juvenils e membro da Xunta Directiva de Cofae; e Paloma Morcillo, programadora do Teatro López de Ayala (Badaxoz). O encontro estará moderado por Gustavo del Río, membro do equipo organizador de Galicia Escena PRO 2025.

