
SOBRE NÓS
Kirenia Danza é unha compañía de creación contemporánea con sede na Coruña, dirixida pola creadora e bailarina cubano-galega Kirenia M. Acosta. O seu traballo sitúa o corpo no centro do pensamento artístico e político: un corpo que lembra, resiste, desexa e dialoga coa paisaxe e co tempo que habitamos.
A compañía crea, dirixe, distribúe e produce proxectos escénicos nos que a danza convive coa poesía, o teatro físico e as prácticas ecosomáticas. Investiga novas expresións ligadas ao movemento e á dramaturxia do corpo, abrindo espazos para explorar como se sutura a experiencia vital en dimensións persoais e colectivas. Os seus temas inclúen identidade, migración, ecofeminismo, anti-idadismo e vulnerabilidade transformadora.
O seu traballo aposta pola investigación continua e pola hibridación de linguaxes. Combina creacións propias con encargos coreográficos, colaboracións teatrais, proxectos formativos e cooperación europea centrada na inclusión e no diálogo interxeracional. Desde Galicia, mantén actividade internacional e constrúe un universo baseado na honestidade, o risco e corpos que se fan territorio.








