top of page
  • Instagram
  • TikTok
  • Facebook
  • YouTube
  • Vimeo

Cicatriz: A danza que reside en todos nós

  • Dec 30, 2025
  • 2 min read

Updated: Feb 11

O día 14 de novembro tiven a oportunidade de asistir a unha función de Cicatriz, de Kirenia Martínez, no Auditorio Municipal de Vigo dentro do marco de programación de Vigocultura.

Cicatriz é un espectáculo de danza no cal vemos en escena a propia Kirenia, acompañada por Antón Reixa, a quen vemos bailar por primeira vez. O espectáculo traballa a expresividade do corpo a partir de poemas de Antón, facendo así a súa presenza na escena moi valiosa.

A peza é, en si mesma, un manifesto, grazas ao compromiso que ten coa súa propia tese. Cicatriz é unha obra arriscada, que defende a danza como un espazo de expresión independentemente da técnica, idade e corpo, e faino de xeito coherente, porque a inclusión que reivindica é aplicada directamente. Grazas a isto, funciona, porque Cicatriz é quen de sacar a expresividade e o movemento de Antón, que nunca bailara de xeito profesional. Nótase a apertura del, e o coidado de Kirenia na escena. A peza pon en práctica, ata a última das súas consecuencias, ideas que se levan barallando na danza décadas, pero que non se exploraran moito de xeito profesional en Galicia.

O espazo escénico danza con Kirenia e Antón, e a pesar da súa sinxeleza, é quen de xerar beleza co movemento dos artistas. A luz fai un labor semellante. O que máis destaca, realmente, é o espazo sonoro, que combina música bastante diversa, son, e un poema de Antón Reixa recitado por Antela Cid.

En todo caso, Cicatriz é unha peza que pon en dúbida a esencia mesma da danza e atopa algo novo e máis valioso. Así, conmove, e o máis importante, move, porque nos lembra que a danza é universal e reside en todos os corpos.

 
 
bottom of page