Son as emigrantas mulleres que deciden o seu destino? Cales son os seus motivos para marchar? Que procesos de acollida, integración e aculturación lles suceden na actualidade? Que significan as estatísticas, as porcentaxes e a abalancha de datos que nos achegan sobre a última emigración? Queremos pensar Galicia interterritorial xuntas. As que estamos fóra e as que permanecemos dentro. As que saímos ou as que retornan.
Estas, e moitas outras, son as preguntas na voz de Branca Novoneyra que abren a peza Emigrantas, que o pasado 30 de abril puido verse no Auditorio Gustavo Freire de Lugo no marco do programa Lugo en Danza (LED), organizado polo Concello de Lugo. No escenario, dúas bailarinas. Esther Latorre, formada en Galicia e retornada ao país logo de comezar a súa carreira en Valencia. David Loira, o mítico bailarín galego agora residente en Berlín. Os dous, e unha escenografía cos 24 quilogramos que poden entrar nunha maleta. “Agora son dez nada máis, cada día é menos o peso permitido”, dicía David o día antes da actuación. “El agora veu de Berlín só con esta mochila”, sinalaba Kirenia Martínez Acosta, directora da peza. Estará cansa ela de que digan ‘bailarina e coreógrafa cubana residente en Galicia’? Que percorridos agochan estas frases coas que rapidamente axustamos unha biografía? Dos cabos que tenden e das sentidos que apreixan trata Emigrantas.
Conta Kirenia que no escenario non quixo moito máis ca iso: dous bailaríns, e que só cara o final da peza se permitiu algún xogo coa luz. “Non quería seducir”, di. Esa historia, a historia da emigración, precisaba verse tamén dalgún xeito espida, enteira sobre un corpo, sobre dous corpos, sempre singulares no fondo das cifras. Corpos sen máis sostén ca ese longo diálogo excepcional, David e Esther, que sen embargo sosteñen a intensa atención dun público que tamén remata exhauso logo desa hora. Esgotadora a danza que as leva a desfacerse do peso que colocamos nelas, nas emigrantas. Por que resulta tan difícil velas? Semella que o exceso de visión as cegase, que os números, as cifras, as imaxes coas que axiña se lles asocia impedisen a súa visión que por fin sucede.
Commentaires